Continuamos coas entrevistas dentro do especial Mulleres na Cultura deste mes de Marzo. Desta volta entrevistamos á escritora Antía Yañez, galardoada co Premio Illa Nova de Narrativa 2018 por 'Senlleiras'. 

Antía Yáñez (Burela, 1991) é enxeñeira de Camiños, aínda que nunca exerceu a profesión. Entre os premios outorgados á súa obra atópanse o Certame de Microrrelatos "Lonxa Literaria" 2013, de Moaña, o Premio de Relatos Curtos “Os Viadutos” 2014, de Redondela, e o Certame Literario de Poesía e Narración Breve de Cambre (2016). Actualmente compaxina a escrita coa xestión dunha academia en Cecebre (Cambre), onde imparte obradoiros de escritura para rapazas e rapaces. O misterio de Portomarín é a súa primeira novela. En 2018 escrebe 'Senlleiras', novela pola cal recibe o Premio Illa Nova de Narrativa.

Esta é a entrevista que lle fixemos.

 

1. Defínete en dúas palabras.

Feminista e maniática.

 

2. Antía Yáñez é unha enxeñeira convertida a escritora ou unha escritora que estudou enxeñería?

Penso que a segunda. O da enxeñaría foi algo circunstancial: non tiña clara a carreira a estudar e por unha cousa ou outra, rematei facendo esa. Non obstante, escribir gústame desde sempre.


 

3. Pensas que hoxe en día hai canteira de escritor@s en lingua galega?

Si! Rotundamente si. A literatura en galego nada ten que envexar a outras con máis visibilidade, como pode ser a española. Temos un montón de escritores e escritoras que escriben en galego e logo son traducidas a moitas outras linguas: Ledicia Costas, Pedro Feijoo, Arantza Portabales, Francisco Castro... E estes son só os nomes que me veñen á cabeza agora. Entrar no mercado internacional é complicado, pero cada vez a escrita en galego abre máis e máis portas grazas á súa calidade. Si, as vendas son máis ben baixas porque non se fomenta desde as institucións a lectura na nosa lingua, pero “temos unha mala saúde de ferro”.

 

4. Vivir da escrita en galego, quimera ou realidade?

Na meirande parte dos casos, non dá para iso. Pero podes compaxinalo con outras cousas directamente relacionadas, coma por exemplo charlas ou obradoiros. Non obstante, coñezo escritoras e escritores que si viven da súa escrita. Así que quimera non, só moi complicado.

 

5. Como recibiches que a túa segunda novela xa fose premiada?

Estaba tan emocionada que non o cría. Foi unha sorpresa moi grande, pois segundo as bases do Illa Nova a data para avisar ao gañador ou gañadora xa pasara e non contaba con que me chamaran, pero así foi. Os festivos fixeron que o xurado tivese que adiar o veredicto. É un recoñecemento moi grande ao teu traballo e á túa escrita, e para min gañar un premio sempre é unha fonda satisfacción.

 

6. Como ves a situación da cultura galega en xeral? E como escritora, da literatura en galego en particular?

A calidade da literatura galega é moi boa. As vendas e a edición, peor. Como xa dixen, se as autoridades competentes (que non son máis que a representación da sociedade, escollida por nós mesmas) non favorecen a cultura na nosa lingua, é como remar a contracorrente. Podes moverte, pero vas máis lenta. Coa cultura galega en xeral pasa o mesmo que co caso particular da literatura.

 

7. Que pensas que debemos facer a xente da rúa acotío para promover a nosa cultura?

Primeiro, non crer que é de segunda. Aínda vexo moitos casos nos que pais, nais, avós e avoas falan en galego e ao fillo/a ou neto/a lle falan en castelán. Por que? Non atopo outro motivo que non sexa unha crenza, moitas veces inconsciente, de que o castelán é mellor e que con el se chegará máis lonxe. Se iso non cambia, pouco se pode facer. Agora ben: mudar esta circunstancia non acontece dun día para outro, nin toda a responsabilidade é das persoas individuais.

A sociedade, en xeral, ten que poñer en valor a nosa cultura, non crer que é algo folclórico que sacar a pasear cando hai festas tipicamente galegas. Hai que achegala ao día a día da rúa. Cando era pequena, eu sempre chegaba á casa despois do colexio e quería poñer a TVG porque tiñan os debuxos animados máis divertidos de toda a televisión. Que pasou con iso? Que alternativas de ocio en galego teñen os nenos e nenas realmente? Se viven nun mundo en castelán e só ven o galego na escola, menos dunha hora ao día, este rematará por ser coma o inglés.

Eu xa o vexo na miña academia: hai rapaces e rapazas que escriben mellor en inglés que en galego. Dubido moito que iso se poida arranxar só desde a rúa. As institucións teñen que implicarse.

 

8. Senlleiras fala abertamente da Violencia de Xénero en dúas épocas moi distantes entre si. Na túa opinión, canto se avanzou para tentar erradicar o problema?

Avanzouse moito na igualdade en xeral. A vida que viviron as miñas avoas parécese moi pouco á miña agora, pero iso non quere dicir que non quede moitísimo por facer. Non podemos conformarnos, non podemos baixar as mans agora. Non podemos permitirnos retroceder e volver chamar ao terrorismo da Violencia Machista, Violencia Intrafamiliar. É unha broma? En serio hai que volver a facer pedagoxía sobre que ás mulleres se nos mata simplemente por ter vaxina? Porque queren abusar sexualmente de nós? Porque cren que lles pertencemos? Igual que o terrorismo conta cun tratamento diferenciado no Código Penal porque ten particularidades, a Violencia Machista tamén. Aínda nos queda moito para alcanzar a igualdade real.

 

9. Cal é o próximo proxecto no que estás a traballar?

Pois nestes próximos meses van saír á rúa dúas novas novelas: O misterio do torque de Burela, da man de Galaxia, que supoñerá a continuación de O misterio de Portomarín (para a rapazada de 12 anos en diante) e a novela greenpunk xuvenil Be Water con Urco Editora. Esta última obra quedou finalista no I Premio Mª Victoria Moreno de literatura 

xuvenil e faime moita ilusión ver que acollida ten, pois é a primeira dese xénero que escribo.

Á parte, continúo escribindo e participando en certames, porque isto da escrita é como andar en bicicleta: nunca esqueces como facelo, pero hai que practicar se non queres ter maniotas.

b2ap3_thumbnail_AntiaYanez_tuplace2.jpg

 
 
 
 

 

  COLLEITA PROPIA: Dúas frases para dicir o que che pete;)

Sobre todo, non baixar os brazos agora. Feminismo é igualdade, e se non loitamos a diario por ela, retrocederemos a tempos que é mellor nin lembrar.

 

Fotos: Pablo Giménez